Monday 06 de May de 2024

As persoas maiores seguirán formándose na Pobra no ámbito das novas tecnoloxías


A boa acollida das xornadas formativas para a mellora das competencias dixitais da cidadanía maior de 65 anos motiva que a Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, impulse unha segunda parte.

A edil Amparo Cerecedo (BNG) explica que se lle dá así continuidade na localidade ao programa @s nos@s maiores, mellor acompañad@s promovido pola referida entidade. Trátase dunha decisión que se fundamenta no interese amosado por parte das persoas participantes en seguir a adquirir destrezas no ámbito das novas tecnoloxías. Deste xeito, impartiráselles contido máis avanzado no que respecta a procesos e trámites telemáticos nun mundo cada vez máis dixitalizado.

Esta formación teórico-práctica proseguirá no Centro Sociocomunitario e de Benestar nos días 9, 16, 23 e 30 de decembro, en horario de 10.00 a 12.30 horas.